Descartes e o Contexto do Século XVII
Descartes vive no século XVII nun momento de crise do pensamento tradicional. Durante séculos a ciencia baseárase nas ideas de Aristóteles, aceptadas como verdades indiscutibles pola Igrexa na Idade Media. Isto acabou freando avances científicos xa que non se cuestionaban nin comprobaban esas explicacións. Co Renacemento xorden novos descubrimentos que mostran os erros do aristotelismo, pero a nova ciencia aínda non atopara o método claro. Neste contexto, Descartes busca un método firme para o coñecemento. Observa que nas matemáticas hai certeza e acordo, mentres noutras disciplinas hai dúbidas e erros. Por iso propón un método racional inspirado nas matemáticas que permita construír un coñecemento seguro desde principios evidentes. Entón, Descartes defende que a razón é a principal fonte de coñecemento; con iso comeza a filosofía moderna, centrada no suxeito que coñece e na procura dun método que faga posible un saber verdadeiro e seguro.
John Locke: O Contexto do Liberalismo Inglés
En Inglaterra, nos séculos XVII e XVIII, a situación política era diferente á do resto de Europa. Mentres en moitos países imperaba o absolutismo, en Inglaterra producíase unha revolución burguesa: defensa dos dereitos individuais, control dos impostos, abolición de monopolios estatais e participación do pobo na lexislación. Entre 1642 e 1648 houbo unha guerra civil, que terminou coa execución de Carlos I, a abolición da monarquía e a proclamación da república de Cromwell. En 1660 volven os Estuardo, pero continúan as reivindicacións parlamentarias. Xorden dous grandes partidos: liberais burgueses e conservadores. Isto leva á creación dunha monarquía parlamentaria e constitucional coa Declaración dos Dereitos (1688), baseada no contrato social e non no dereito divino. Entre os ideólogos destes cambios destaca John Locke.
Immanuel Kant: Contexto e Obxectivos
Contexto de Kant
Immanuel Kant naceu o 22 de abril de 1724 en Königsberg, cidade onde viviría e morrería o 12 de febreiro de 1804. Alí foi reitor da súa universidade e dirixiu a Biblioteca Real do Castelo, o que lle permitiu relacionarse co monarca ilustrado Federico II de Prusia.
Obxectivos da súa Filosofía
O empirismo levaba ao escepticismo: a metafísica parecía imposible porque o suprasensible era inaccesible; a ciencia limitábase a describir regularidades probables; e a ética era subxectiva, afastando a posibilidade de principios morais universais. Kant recolle estes retos e propón a súa filosofía como un intento de dar resposta a tres cuestións fundamentais:
- Garantir a posibilidade do coñecemento verdadeiro.
- Fundamentar racionalmente os xuízos éticos universais.
- Explorar a posibilidade da metafísica como coñecemento.
En síntese, as súas preguntas centrais son: Que podo coñecer? Que debo facer? Que me cabe esperar?
Texto 10: Sociedade Civil e Crítica ao Absolutismo en Locke
Introdución
O texto analiza como se pasa do estado da natureza á sociedade civil, e defende que a monarquía absoluta non constitúe unha verdadeira sociedade civil, xa que deixa ás persoas nunha situación semellante ao estado da natureza. Para comprender mellor o texto, convén dividir o contido en dúas partes e explicar os conceptos fundamentais da filosofía política de John Locke.
Tema Central
O tema central do texto é o nacemento da sociedade civil e a crítica á monarquía absoluta. O texto pode dividirse en dúas partes:
- Nacemento da sociedade civil: unha sociedade xurde cando un grupo de persoas decide unirse e entregar o poder de facer xustiza a unha autoridade común, deixando de resolver os conflitos por si mesmas e aceptando que sexa o goberno, mediante leis e xuíces, quen resolva os problemas. Deste xeito, os individuos pasan do estado da natureza a vivir dentro dunha sociedade organizada.
- Monarquía absoluta e incompatibilidade coa sociedade civil: unha monarquía absoluta non garante unha verdadeira sociedade civil porque non existe unha autoridade superior á que recorrer se o gobernante comete inxustiza. O poder absoluto fai que o gobernante sexa xuíz do seu propio caso, deixando aos individuos nunha situación similar ao estado da natureza.
Explicación das Ideas Principais por Fragmentos
Primeiro fragmento – Sociedade civil
Divídese en tres partes:
- A sociedade civil nace cando as persoas deciden unirse e entregar o poder de facer xustiza a un goberno común, xa sexa creando un novo ou uníndose a un existente.
- Ao entrar na sociedade civil, as persoas aceptan o poder lexislativo que fai leis polo ben común e xuíces con autoridade para resolver conflitos. Esta aceptación supón a saída do estado da natureza.
- Se non existe unha autoridade á que apelar, as persoas permanecen, aínda que asociadas, nunha situación similar ao estado da natureza.
Segundo fragmento – Monarquía absoluta
Tamén se divide en tres partes:
- Na monarquía absoluta non hai verdadeiro goberno civil, porque non garante leis nin xustiza imparcial para todos.
- O obxectivo da sociedade civil é evitar os problemas do estado da natureza, onde cada persoa fai xustiza por si mesma. Por iso establécese unha autoridade á que todos poidan recorrer e obedecer.
- Se non hai unha autoridade á que recorrer, os súbditos quedan sometidos ao poder absoluto, mantendo unha situación semellante ao estado da natureza.
Explicación de Conceptos Fundamentais
- Lei da natureza: situación na que se atopa o ser humano antes de formar unha sociedade organizada; cada persoa é xuíz do seu propio caso e actúa libremente, pero existe inseguridade porque non hai leis nin autoridades que resolvan conflitos.
- Sociedade política ou civil: xurde cando as persoas se unen e entregan o poder de facer xustiza a un goberno común, garantindo que os conflitos se resolvan e se preserve o ben común.
- Monarquía absoluta: sistema no que o príncipe exerce todo o poder sen autoridade á que recorrer, deixando aos súbditos nunha situación semellante ao estado da natureza.
- Poder lexislativo: autoridade que fai e aplica as leis na sociedade civil, velando polo ben común e garantindo que todos cumpran as normas.
- Estado da natureza: situación inicial do ser humano, con liberdade total pero sen leis nin autoridades que resolvan conflitos.
Crítica
Neste texto, Locke explica que a sociedade civil serve para evitar os problemas do estado da natureza mediante leis e xuíces, facilitando a convivencia e a garantía dos dereitos. Con todo, Locke idealiza esta sociedade ao supoñer que as persoas sempre aceptan o poder lexislativo e obedecen sen considerar posibles abusos ou corrupción. En contraste, Hobbes pensa que no estado da natureza os humanos son violentos e egoístas, polo que un poder absoluto é necesario para evitar o caos; para el, a idea de Locke de que os individuos poden unirse voluntariamente a un goberno non é realista. Rousseau, por outro lado, coincide con Locke en que o estado da natureza non é totalmente negativo, pero critica que Locke non explica como se preserva a liberdade. Para Rousseau, se o poder lexislativo non reflicte a vontade xeral, as persoas poden perder a súa liberdade; a sociedade civil debe fundarse nun trato social que garanta a participación de todos, non só a imposición dos gobernantes. En resumo, Locke ofrece unha visión optimista da sociedade civil baseada na lei e a xustiza, pero desde outras perspectivas (Hobbes e Rousseau) a súa idea resulta idealizada e non totalmente realista.
Texto 16: O Imperativo Categórico en Kant
O texto expón a diferenza entre o imperativo hipotético e o imperativo categórico, distinguindo entre as accións que se realizan como medio para acadar un fin e aquelas que son necesarias por si mesmas e constitúen a base da moralidade segundo o pensamento de Immanuel Kant. En canto á estrutura, dividirémolo en 3 partes:
Explicación da Primeira Parte (Imperativo Hipotético)
Neste fragmento explícase que os imperativos poden ser de dous tipos: hipotéticos ou categóricos. En concreto, aquí céntrase nos imperativos hipotéticos, que son aqueles que presentan unha acción como necesaria para conseguir outro fin que se desexa. É dicir, a acción non se realiza porque sexa boa en si mesma, senón porque funciona como medio para lograr algo que a persoa quere ou pode querer. Deste modo, a obriga de realizar a acción depende do obxectivo que se queira acadar, polo que este tipo de imperativos están condicionados polos desexos ou intereses do suxeito.
Explicación da Segunda Parte (Imperativo Categórico)
Neste fragmento explícase o imperativo categórico, que é aquel que manda realizar unha acción como obxectivamente necesaria por si mesma, sen depender de ningún outro fin ou obxectivo. É dicir, a acción non se fai para conseguir algo, senón porque é moralmente correcta en si mesma. O texto tamén sinala que este imperativo non depende das consecuencias da acción, senón do principio ou da intención coa que se realiza. Por iso, o valor moral dunha acción non está no resultado, senón na disposición de ánimo ou na intención de actuar conforme ao deber. Esta idea forma parte da ética proposta por Kant, para quen a verdadeira moralidade baséase en cumprir o deber independentemente dos resultados.
Explicación da Terceira Parte (Imperativo da Moralidade)
Neste fragmento Kant presenta o imperativo da moralidade, que é a síntese do imperativo categórico. Sinala que unha acción é moral cando se realiza por deber, guiada pola intención correcta, sen importar o resultado. É dicir, o valor moral reside na disposición de ánimo e no cumprimento do deber, e non nos fins ou consecuencias da acción.
Conceptos Fundamentais da Filosofía Moral de Kant
Para entender mellor este texto é necesario explicar unha serie de conceptos fundamentais:
- Imperativo hipotético vs. Categórico: O hipotético responde á estrutura “fai A para conseguir B”. Pola contra, o categórico ordena realizar unha acción por si mesma: “tes que facer A”.
- Materia, propósito, fin e resultado: Conceptos relacionados coas éticas materiais ou teleolóxicas, nas que o valor moral depende do obxectivo. Fronte a isto, Kant propón unha ética formal, baseada na forma da acción e non nos seus resultados.
- Ánimo: Entendido como intención ou vontade. Para Kant, o valor moral reside en actuar por deber, idea que se relaciona coa ética deontolóxica.
- Imperativo da moralidade: É o imperativo categórico, xa que expresa a lei moral que debe guiar as accións independentemente de intereses.
Crítica e Comparación de Éticas
O texto expón a distinción entre imperativo hipotético e imperativo categórico. Desde esta perspectiva, a moralidade non depende dos fins ou resultados, senón do deber e da intención.
- Ética teolóxica / teleolóxica: Avalía as accións polo seu fin ou resultado. O imperativo hipotético encaixa parcialmente aquí. Kant critica este enfoque, pois unha acción só é moral cando se fai por deber.
- Ética deontolóxica: Baseada no cumprimento do deber e na intención correcta. Aquí encaixa plenamente o imperativo categórico.
- Ética dialóxica: Pon o acento na relación e no diálogo entre persoas. O texto de Kant non inclúe esta perspectiva, porque se centra nunha lei moral universal e individual.
Texto 17: Dignidade e o Reino dos Fins
Tema Central
O tema central do texto é o imperativo categórico e a súa relación coa dignidade dos seres racionais. Kant sinala que as accións deben ser realizadas como fins en si mesmas e non como simples medios. Isto lévanos ao concepto de fins e medios:
- Fins: obxectivos que teñen valor en si mesmos e non poden ser substituídos; representan a dignidade.
- Medios: elementos ou obxectos que se usan para alcanzar un fin; teñen prezo relativo e poden ser intercambiables.
División do Texto en Catro Partes
- Tratar aos demais como fins e non como medios: Kant explica que todos os seres racionais deben seguir unha lei moral que obriga a tratar a un mesmo e aos demais como fins. Cada persoa ten dignidade intrínseca.
- O reino dos fins: Un ideal onde todos os seres racionais están conectados mediante leis obxectivas comúns. Representa unha sociedade xusta e moral.
- Prezo e dignidade: No reino dos fins, todo pode ter prezo ou dignidade. O prezo de mercado relaciónase coas necesidades; o prezo afectivo cos sentimentos; e a dignidade é un valor intrínseco que non admite substitutos.
- Conclusión: moralidade e dignidade: A moralidade permite que un ser racional sexa fin en si mesmo. A humanidade é o único que posúe dignidade intrínseca.
Explicación de Conceptos Clave
- Reino dos fins: ideal ético de convivencia xusta baseado no respecto á dignidade.
- Prezo ou dignidade: distinción entre o valor relativo e o valor intrínseco.
- Intrínseco: valor propio do ser racional, non dependente de fins externos.
A Demostración da Existencia de Deus en Descartes
A temática central do texto é a demostración da existencia de Deus. Descartes reflexiona sobre a súa propia dúbida sobre a idea de perfección que existe na súa mente. Ao observar que coñecer é máis perfecto que dubidar, conclúe que non podería xurdir por el mesmo a idea de perfección maior que a súa propia. Por iso, deduce que debe existir unha natureza máis perfecta: é dicir, Deus, que é a fonte desa idea de perfección.
Estrutura do Razoamento
O texto divídese en tres partes:
- Dúbida de Deus: Descartes observa que dubidar implica que o seu ser non é completamente perfecto. Recoñece a limitación do eu.
- Perfeccionando o coñecemento: Coñecer é unha perfección maior que dubidar. Debe existir algo máis perfecto que a propia mente.
- Conclusión: A idea de perfección non pode proceder del mesmo e debe existir unha natureza realmente máis perfecta: Deus, como causa desa idea.
Conceptos Clave
- Garantía do coñecemento: Deus actúa como garantía. Se Deus existe e é perfecto, non nos pode enganar, polo que as ideas claras e distintas deben ser verdadeiras.
- Infinito perfecto: Refírese a Deus como un ser sen limitacións. Esta idea non pode proceder dun ser finito como o humano.
- Argumento ontolóxico: Inspirado en San Anselmo, defende que Deus existe porque é o ser máis perfecto que se pode pensar.
- A priori e a posteriori: O coñecemento a priori procede da razón (como a idea de Deus); o a posteriori obtense a través da experiencia.
Crítica e Evolución
Na miña opinión, o texto é importante xa que busca demostrar a existencia de Deus de maneira racional. Este concepto evolucionou desde o Demiurgo de Platón, o primeiro motor inmóbil de Aristóteles e o Deus bíblico da Idade Media, ata a harmonía do cosmos en Kepler. Descartes reforza a idea dunha filosofía racionalista que busca seguridade sen depender da experiencia.
A Crítica de David Hume
Dende o punto de vista de Hume, o texto de Descartes presenta serios problemas, xa que considera que non temos ningunha impresión sensible que corresponda a esa idea. En particular, critica o argumento a priori de Descartes baseado só na razón, xa que para Hume a razón por si soa non pode probar a existencia de nada real. Tampouco acepta o argumento a posteriori de Santo Tomás que parte da experiencia física do mundo.
O Discurso do Método de Descartes
Este texto pertence á obra Discurso do Método. Nela, o autor expón un método para alcanzar un coñecemento inequívoco e indubidable. A idea principal é a explicación das catro regras básicas:
- A evidencia: Aceptar só o que se presenta á razón de maneira clara e distinta, sen posibilidade de dúbida.
- A análise: Dividir os problemas complexos en partes máis sinxelas para resolvelos mellor.
- A síntese: Construír o coñecemento mediante dedución desde as ideas máis simples ás máis complexas, seguindo unha orde lóxica.
- A enumeración: Revisar e enumerar todo con coidado para asegurar que non se omitiu nada.
Crítica ao Método
O texto expón un método baseado na razón e na dedución, propio do racionalismo. Comparado co empirismo, que defende que o coñecemento procede da experiencia, vese unha diverxencia fundamental. O racionalismo ofrece certeza e rigor, como as matemáticas, pero apenas dá importancia á información que chega aos sentidos. En cambio, o empirismo proporciona datos observables pero menos seguros. O método de Descartes é perfecto para coñecementos universais, mentres que o empirismo céntrase en coñecementos prácticos experimentais.
Conclusión e Valoración Persoal
Eu penso que o texto é importante xa que pretende atopar un modo de coñecer que inclúa certeza e seguridade para evitar os erros. O método proposto, baseado nas ideas claras e na razón, axuda a pensar de maneira ordenada e segura. Porén, penso que lle dá mínima importancia á experiencia e ao que os sentidos nos din, que tamén son fundamentais para poder coñecer o mundo e percibilo mediante eles.
