Filosofía de Kant: Coñecemento e Moral

Filosofía de Kant: Epistemoloxía

Contexto Filosófico da Epistemoloxía Kantiana

O contexto filosófico de Kant está marcado polo debate entre o racionalismo e o empirismo. Filósofos como Descartes crían que o coñecemento provén da razón e de ideas innatas. Kant, na súa crítica ao racionalismo, destaca que a razón necesita da experiencia sensible para organizar e aplicar os conceptos. Locke sostiña que todo coñecemento provén da experiencia sensorial. Kant critica o seu empirismo, considerando insuficiente a visión de Locke que reducía todo coñecemento á experiencia. Hume leva o empirismo un pouco máis aló, sostendo que as ideas derívanse de impresións sensoriais e que non existen ideas innatas. Kant, pola súa banda, argumenta que a mente estrutura a experiencia mediante estruturas a priori que permiten que a mente entenda esa experiencia.

A Crítica da razón pura

Introdución: Orixe do Coñecemento (Texto 1, parte 1)

“De que o noso coñecemento comeza coa experiencia, diso non hai dúbida; (…) Non hai, pois, na orde do tempo, ningún coñecemento que preceda en nós á experiencia e con ela comeza todo coñecemento.”

KANT, Crítica da razón pura (1787). Introdución (I. Da distinción do coñecemento puro e empírico)

Tema

Kant sostén que todo coñecemento comeza coa experiencia, xa que os obxectos externos activan as nosas facultades cognitivas ao xerar representacións na mente.

Tese

A base de todo coñecemento parte da experiencia.

Rama

Epistemolóxica.

Pregunta

¿Como podemos coñecer? ¿Cal é a orixe do noso coñecemento?

Análise de fragmentos
  • (“que por unha banda provocan por si mesmos representacións”): As representacións que se mencionan son as intuicións sensibles, é dicir, as imaxes mentais que obtemos dos obxectos ao percibilos. Esta noción é influenciada polo empirismo, particularmente por Hume, quen defendía que todo coñecemento provén da experiencia.
  • (“poñen en movemento a nosa actividade intelectiva para comparalas, ligalas ou separalas”): Kant explica que os obxectos externos provocan representacións na mente a través da sensibilidade. Estas percepcións, ao chegar ao intelecto, activan a súa función de comparar, ligar ou separar as impresións recibidas. Este proceso transforma a información bruta dos sentidos en coñecemento estruturado sobre os obxectos da experiencia. Así, o coñecemento humano depende da interacción entre a percepción sensorial e a actividade do entendemento.
  • (“transformando deste xeito a materia bruta das impresións sensibles en coñecemento dos obxectos que chamamos experiencia”): Kant explica que o intelecto transforma as impresións sensibles en coñecemento estruturado. A mente recibe sensacións brutas, pero só mediante a actividade intelectiva se organizan e converten en experiencia significativa sobre os obxectos percibidos. Así, o coñecemento resulta da interacción entre percepción sensorial e intelecto.

Coñecemento a Priori vs. a Posteriori (Texto 1, parte 2)

“(…)Mais, aínda cando todo o noso coñecemento empece coa experiencia, non por iso todo el procede exactamente da experiencia. (…) Hai, pois, cando menos, unha cuestión necesitada dunha máis minuciosa investigación e que non se pode despachar cunha primeira ollada: a de se hai semellante coñecemento, independente da experiencia e ata de todas as impresións dos sentidos. Tal coñecemento denomínase a priori e distínguese do empírico, o cal ten as súas fontes a posteriori, é dicir, na experiencia.”

KANT, Crítica da razón pura (1787). Introdución (I. Da distinción do coñecemento puro e empírico)

Tema

Aínda que o coñecemento comeza coa experiencia, Kant sostén que non todo coñecemento procede dela. Algúns elementos do coñecemento son independentes da experiencia, o que denomina coñecemento a priori.

Tese

O suxeito ten estruturas a priori que permiten organizar a información da experiencia e formar conceptos puros a priori; é dicir, para coñecer é preciso ter impresións da experiencia e estruturas que nos axuden a interpretar o mundo.

Rama

Epistemolóxica.

Pregunta

¿Existe un coñecemento a priori?

Análise de fragmentos
  • (“Pois ben podería ser que … (apenas estimulada polas impresións sensibles) produce por si mesma”): Inicialmente, non somos conscientes desta contribución interna, pero con reflexión e análise podemos distinguir entre o que provén da experiencia e o que a mente achega por si mesma. Este pensamento sustenta a súa teoría sobre a combinación de elementos a priori e a posteriori no proceso de coñecemento.
  • (“facultade cognoscitiva (apenas estimulada polas impresións sensibles)”): Ao dicir que está “apenas estimulada polas impresións sensibles”, suxire que a mente non se limita a recibir información pasivamente dos sentidos, senón que tamén achega elementos propios ao proceso de coñecemento.
  • (“engadido este que nós … a cabo a súa separación.”): Isto significa que, nun primeiro momento, experimentamos a realidade sen discernir entre os datos proporcionados polos sentidos e as categorías a priori que organizan esa información.

Sensibilidade e Entendemento (Texto 2, parte 1)

“Se chamamos sensibilidade á receptividade do noso ánimo (psique) (…) Ningunha destas propiedades prevalece sobre a outra. Sen sensibilidade ningún obxecto nos sería dado, e sen entendemento ningún podería ser pensado.”

KANT; Crítica da razón pura. I. (Doutrina trascendental dos elementos), 2ª parte (A lóxica trascendental)

Tema

Diferenciación e relación que hai entre a facultade da sensibilidade e a do entendemento: unha é receptiva e a outra, activa.

Tese

O coñecemento xorde da unión das intuicións sensibles (recibidas pola sensibilidade) cos conceptos puros do entendemento. A sensibilidade proporciona a materia (intuicións), e o entendemento proporciona a forma (conceptos/categorías a priori) para organizar esa materia.

Rama

Epistemolóxica.

Pregunta

¿Como podemos distinguir entre entendemento e sensibilidade?

Análise de fragmentos
  • (“Á nosa natureza pertence que a intuición nunca poida ser máis ca sensible, é dicir, contén unicamente o modo como somos afectados polos obxectos”): Kant explica que a intuición humana sempre é sensible, polo que só podemos percibir os obxectos a través dos sentidos, segundo como nos afectan. Non podemos coñecelos en si mesmos, xa que o coñecemento depende da experiencia sensorial. O entendemento, pola súa parte, pensa os obxectos percibidos, pero necesita da sensibilidade para que estes lle sexan dados. Isto encaixa coa súa distinción entre fenómeno (o que podemos percibir) e noúmeno (a realidade en si mesma, inaccesible para nós).

A Necesidade da Sinerxía (Texto 2, parte 2)

“(…)Pensamentos sen contido son baldeiros, intuicións sen conceptos son cegas. (…) Por iso distinguimos a ciencia das regras da sensibilidade en xeral, é dicir, a estética, da ciencia das regras do entendemento en xeral, é dicir, a lóxica.”

KANT; Crítica da razón pura, (A51/B75-A52/B76) I.(Doutrina trascendental dos elementos), 2ª parte (A lóxica trascendental)

Tema

A necesidade de saber separar e distinguir as funcións entre a sensibilidade e o entendemento.

Tese

O coñecemento prodúcese unicamente cando as intuicións sensibles son organizadas polos conceptos puros do entendemento.

Rama

Epistemolóxica.

Pregunta

¿Cando podemos coñecer?

Análise de fragmentos
  • (“Non por iso … distinguilos entre si”): Aínda que sensibilidade e entendemento colaboran no proceso de coñecemento, deben distinguirse claramente. A sensibilidade recibe impresións dos obxectos, mentres que o entendemento as organiza mediante conceptos. Separar ambas facultades permite comprender mellor como estruturamos o coñecemento sen confundilas.

Conceptos Clave da Epistemoloxía Kantiana

Teoría Xeral

Kant comeza a Crítica estudando a estética transcendental do coñecemento sensible. O obxectivo é explicar os xuízos sintéticos a priori estudando o transcendental da estética. Os obxectos entendidos pola intuición sensible son os fenómenos, representacións dos obxectos externos ordenados. Os fenómenos exclúen o noúmeno. Kant atopa un sentido positivo e un negativo deste. No sentido positivo, o noúmeno é un obxecto que se intúe non sensiblemente; e no sentido negativo, un obxecto que non se intúe. Kant prefire o sentido negativo xa que considera que só hai intuición sensible. Diferenciará intuicións empíricas (transmiten obxectos da experiencia) e puras (formas a priori da sensibilidade). No xiro copernicano, as intuicións puras son modos e funcións do suxeito, formas a priori. As intuicións puras son o espazo e o tempo. O espazo é a forma a priori da sensibilidade que fai posible as intuicións empíricas con externalidade, e o tempo é a forma a priori da sensibilidade que fai posible as intuicións empíricas con internalidade e externalidade.

Kant estuda outra facultade de coñecemento, o entendemento (Analítica Transcedental). Afirma que os conceptos sen intuicións están baleiros e as intuicións sen conceptos son cegas. A corrente que estuda os conceptos é a Lóxica Transcedental. A dedución metafísica das categorías é realizada estudando os xuízos. As categorías son funcións de síntese que realiza o entendemento mediante xuízos. Hainas de cantidade (unidade, pluralidade, totalidade), calidade (realidade, negación, limitación), relación (substancia e accidente, causalidade e dependencia, comunidade) e modalidade (posibilidade-imposibilidade, existencia-inexistencia, necesidade-continxeencia). Estas son necesarias para coñecer os obxectos e proceden dos xuízos de representacións. Cando analiza o que se produce nun xuízo, Kant atopa un problema entre a unidade e a multiplicidade. A solución está na unidade da conciencia. O que se produce nela é a súa apercepción transcendental.

Kant estuda a posibilidade da metafísica como ciencia na Dialéctica Transcedental. Agora, ocúpase da razón. Kant diferenza entre o entendemento e a razón, que busca o absoluto. A lóxica da razón é a de obter conclusións a partir de xuízos mediante o siloxismo. O seu uso é problemático, xa que se dirixe ao incondicionado. Esta dialéctica estuda os siloxismos da razón para determinar os seus principios. Kant analiza as inferencias da razón e deduce as Ideas transcendentais: da inferencia categórica, a Idea de alma (o suxeito absoluto); da hipotética, a Idea de mundo (a totalidade da experiencia); e da disxuntiva, a Idea de Deus (o incondicionado de todo o pensado). A razón, ao aplicar as categorías do entendemento máis alá da experiencia, produce a Idea de alma, o que Kant critica como un paraloxismo da razón pura, baseado en inferencias erróneas sobre a substancia, a simplicidade, a personalidade e a relación co ideal.

Crítica á Epistemoloxía Kantiana

Kant distingue entre fenómeno e noúmeno, afirmando que só podemos acceder á realidade a través das nosas categorías mentais e que o mundo en si mesmo (noúmeno) é incognoscible. Esta idea, aínda que revolucionaria, supón un límite insalvable para o coñecemento humano. A súa concepción do coñecemento como unha síntese entre intuición sensible e categorías a priori leva á pregunta: ata que punto o suxeito constrúe a realidade e non simplemente a interpreta? Se todo coñecemento está filtrado polas estruturas mentais propias do ser humano, corremos o risco de caer nun idealismo que exclúe unha verdadeira comprensión do mundo exterior.

Filosofía de Kant: Ética e Política

Contexto Filosófico da Ética Kantiana

Kant busca unha base racional para a moralidade. Na súa filosofía, busca unir o racionalismo e o empirismo para fundamentar unha moralidade baseada no cumprimento do deber segundo os imperativos categóricos. Aristóteles di que a moralidade consiste en desenvolver o carácter e a práctica das virtudes para alcanzar a felicidade. Kant rexeita esta visión teleolóxica, pois para el a moralidade é autónoma e independente de desexos ou fins externos. Rousseau cre que a liberdade reside na capacidade do individuo para actuar segundo as leis que se impón a si mesmo. Kant toma esta idea e desenvolve que a moralidade implica que os seres humanos actúen segundo principios racionais universalmente válidos.

A Fundamentación da metafísica dos costumes

Imperativos Hipotéticos e Categóricos (Texto 1)

“Pois ben, todos os imperativos ordenan ou hipotética ou categoricamente. (…) Non concirne á materia da acción nin ao que dela se deriva, e o esencialmente bo de tal acción reside na disposición de ánimo, calquera que sexa o resultado da acción. Este imperativo pode chamarse o imperativo da moralidade.”

KANT; Fundamentación da metafísica dos costumes, Cap. 2 (Tránsito da filosofía moral popular á metafísica dos costumes)

Tema

A clasificación dos imperativos hipotéticos e categóricos e as súas diferenzas.

Tese

Os imperativos categóricos representan accións obxectivamente necesarias por si mesmas, independentemente de calquera outro fin ou consecuencia.

Rama

Ética.

Pregunta

¿Como podemos obrar de forma correcta? ¿En que consiste o imperativo categórico e o hipotético?

Análise de fragmentos
  • (“Aqueles [os hipotéticos] representan a necesidade práctica dunha posible acción como medio para acadar outra cousa que se queira (ou que posiblemente se queira)”): Os imperativos hipotéticos ordenan accións como medios para acadar un fin desexado, dependendo das circunstancias e obxectivos individuais. Pola contra, os imperativos categóricos establecen normas morais universais, independentes de calquera propósito concreto.

O Reino dos Fins e a Dignidade (Texto 2, parte 1)

“Todos os seres racionais están, pois, baixo a lei (…)No reino dos fins todo ten ou ben un prezo ou ben unha dignidade. O que ten un prezo é aquilo en cuxo lugar pode ser posto algo como equivalente; o que, pola contra, está por encima de todo prezo, non admitindo, xa que logo, ningún equivalente, iso ten unha dignidade.”

KANT; Fundamentación da metafísica dos costumes, Cap. 2 (Tránsito da filosofía moral popular á metafísica dos costumes)

Tema

Kant desenvolve a idea do reino dos fins, unha comunidade ideal onde todos os seres racionais se tratan mutuamente como fins e nunca como simples medios.

Tese

Debemos tratar a todas e cada unha das persoas como fins en si mesmos, é dicir, como seres que posúen unha dignidade intrínseca, inigualable e sen equivalente. Nunca debemos instrumentalizalas, é dicir, tratalas como algo que ten prezo e pode ser substituído por algo equivalente para os nosos propios intereses. Deste xeito, cumprirase o imperativo categórico e, polo tanto, estaremos a realizar unha boa acción.

Rama

Ética.

Pregunta

¿Como debemos tratar aos demais para obrar ben?

Dignidade vs. Prezo (Texto 2, parte 2)

“O que se refire ás inclinacións e necesidades humanas ten un prezo de mercado; (…) Así pois, a moralidade e a humanidade, en canto capaz de moralidade, é o único que ten dignidade.”

I. KANT; Fundamentación da metafísica dos costumes, Cap. 2 (Tránsito da filosofía moral popular á metafísica dos costumes)

Tema

A dignidade como esencia da moralidade humana e a súa relación coa participación no reino dos fins.

Tese

Os seres humanos non teñen prezo, senón que son os únicos que teñen dignidade.

Rama

Ética.

Pregunta

¿Que é a moralidade? ¿Cal é a relación que garda cos prezos e a dignidade?

Análise de fragmentos
  • (“O que se refire ás inclinacións e necesidades humanas ten un prezo de mercado”): Kant establece que todo aquilo vinculado ás inclinacións e necesidades humanas ten un prezo de mercado, é dicir, pode ser intercambiado por algo equivalente. En contraposición, hai valores que non teñen prezo porque son intrinsecamente valiosos e non substituíbles, como a dignidade humana e a moralidade.
  • (“Así pois, a moralidade e a humanidade, en canto capaz de moralidade, é o único que ten dignidade.”): Kant sostén que a moralidade é o único que confire dignidade aos seres humanos, xa que non pode ser substituída nin medida en termos de prezo. A humanidade, ao ser capaz de actuar moralmente, posúe un valor absoluto que debe ser respectado como un fin en si mesmo.

Conceptos Clave da Ética Kantiana

Teoría Xeral

A Dialéctica Transcedental nega as posibilidades de coñecemento das Ideas da razón. No Prólogo, Kant diferencia o coñecemento racional formal e material. Así, elabora esta Fundamentación da metafísica dos costumes, buscando establecer os principios puros e a priori da moralidade. Kant sinala que o único bo sen restrición é a boa vontade, que é libre e non rexida por leis da natureza. Esta Fundamentación ábrese a un ámbito máis alá das ciencias teóricas: o da liberdade do suxeito. Kant desenvolve a súa teoría da moralidade, definindo o que é bo ou malo.

Para el, o valor moral dunha acción reside en que se realice por deber. A ética de Kant aléxase das éticas materiais (que buscan un fin) porque basea a moralidade en leis formais que non conducen a ningún fin externo. Así, constrúe esta ética formal para atopar unha lei universal. Para facelo, estuda os mandatos que a razón se dá a si mesma, expresados en máximas subxectivas e obxectivas, os imperativos. Diferencia os imperativos hipotéticos (que poden ser problemáticos ou asertóricos), que representan a necesidade dunha acción como medio para conseguir outra cousa; e o imperativo categórico, que representa unha acción necesaria por si mesma, sen referencia a outro fin. Kant presenta varias formulacións do imperativo categórico, entre elas: a da universalidade (Obra só segundo aquela máxima pola cal poidas querer ao mesmo tempo que se converta nunha lei universal); a da humanidade (Obra de tal xeito que uses a humanidade, tanto na túa persoa como na persoa de calquera outro, sempre ao mesmo tempo como fin e nunca simplemente como medio); e a do reino dos fins (Obra como se a máxima da túa acción debese converterse por medio da túa vontade nunha lei universal da natureza).

Idea Principal

A moralidade reside no cumprimento do deber, que deriva dun principio universal e racional (o imperativo categórico).

Idea Secundaria

O valor moral dunha acción reside na intención (máxima), baseada no deber e nos principios racionais, de quen a realiza.

Autores Relacionados

Kant (ética deontolóxica) e o utilitarismo (ética consecuencialista) son dúas das principais teorías éticas modernas, ambas buscando principios universais, aínda que con fundamentos opostos.

Crítica á Ética Kantiana

A ética de Kant, baseada no imperativo categórico, é criticada por ser demasiado ríxida, pois ignora as circunstancias particulares das accións e os seus efectos reais (consecuencias). A súa política idealista, centrada na autonomía racional e o dereito, é criticada por non considerar suficientemente as desigualdades sociais nin os intereses materiais que inflúen na aplicación das leis. Así, a súa moralidade universal e a súa visión política son consideradas difíciles de aplicar na complexa realidade humana e social. A súa idea de que debemos actuar segundo principios universais parece idealista, o que suscita a pregunta: non hai situacións na práctica nas que as regras morais deban ser flexibles debido á complexidade da vida humana?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *