A Filosofía Crítica de Kant: Coñecemento, Xuízos e os Límites da Razón Pura

Introdución: Razón Teórica e Razón Práctica

Para **Kant**, a **razón** non só se limitaba ao ámbito do coñecemento, senón que era extensiva tamén ao ámbito da acción. A razón é tanto o instrumento do que nos servimos para coñecer, como a facultade que nos guía nas nosas accións. Para estas dúas funcións Kant empregou dous nomes: **razón teórica** (ámbito do coñecemento) e **razón práctica** (ámbito da acción).

Na filosofía que estudou Kant, por unha banda, os **racionalistas** defendían que a razón, partindo dos contidos innatos que posúe, pode acadar un coñecemento universal; e por outra, os **empiristas** sostiñan que a razón só opera co material da experiencia, polo que os nosos coñecementos só poden alcanzar a categoría de probables. Kant, insatisfeito con ambos pensamentos, recuperou a cuestión pendente da Modernidade: *Como é posible o coñecemento?* Sobre a cal atopou a resposta en ambas as anteriores correntes.

Para Kant, os empiristas tiñan razón, xa que sen **experiencia** non hai coñecemento, pero os racionalistas tampouco están equivocados, xa que non todo é experiencia. É dicir, o **suxeito** que coñece proporciona algo imprescindible para que este coñecemento sexa posible. O ser humano non se limita a recibir información, senón que constrúe el mesmo a súa imaxe do mundo, como unha cámara fotográfica. As **persoas** non só recibimos información, tamén a procesamos e recreamos.

A Revolución Copernicana de Kant: O Idealismo Trascendental

Estas ideas propostas por Kant foron moi revolucionarias, e este, ao ver a dificultade de xustificar o valor universal e necesario da ciencia no caso de que se supuxese que o suxeito era quen se adaptaba ás múltiples e cambiantes peculiaridades do obxecto, inverteu a súa formulación.

O **coñecemento** pode ser universal e necesario, porque é froito da imposición do **suxeito** (das súas *formas a priori*) ao obxecto. Esta importancia que Kant lles reserva ao suxeito e ás formas *a priori* no proceso de coñecemento supuxo que a súa filosofía se coñeza co nome de **Idealismo Trascendental**.

  • **Idealismo**: porque só as ideas ou estruturas mentais do suxeito permiten o coñecemento.
  • **Trascendental**: porque estas ideas son universais.

A Crítica da Razón Pura e a Teoría dos Xuízos

Tanto o racionalismo como o empirismo aceptan a teoría científica de **Newton**, pero esta non quedaba fundamentada en ningunha delas. Realmente, cada unha delas cuestiona a **universalidade**, **obxectividade** e **validez da ciencia**. En cambio, Kant, entusiasmado pola física newtoniana, tiña que atopar a forma de validar e lexitimar os progresos que a ciencia estaba logrando na súa época.

Este vai ser un dos obxectivos dunha das súas obras máis importantes: a *Crítica da razón pura*. As argumentacións son relacións entre enunciados ou **xuízos**, por iso, para saber cando son universais e necesarias, é preciso analizar primeiro se os xuízos o son. Para isto, Kant elaborou na *Crítica da razón pura* unha **teoría dos xuízos** na que explicaba as condicións que estes debían cumprir para ser considerados científicos.

Para Kant, un xuízo constitúe a atribución de calidades ou propiedades a un suxeito determinado, e se ademais este pretende ser científico debe cumprir estes requisitos:

  1. Ser **extensivo** (ampliar o noso coñecemento do mundo).
  2. Ser **universal e necesario** (válido en calquera circunstancia).

Clasificación dos Xuízos

Para este filósofo, os xuízos poden clasificarse segundo estes criterios:

Segundo a Extensión

  • **Analíticos**: Non amplían os nosos coñecementos; o predicado non conta nada sobre o suxeito que non se coñecese.
  • **Sintéticos**: Si son extensivos; amplían o noso coñecemento, o predicado proporciona nova información.

Segundo a Validez

  • **A priori**: A verdade destes non depende da experiencia, son certos sen recorrer a ela e por iso teñen **validez universal**.
  • **A posteriori**: Aqueles que si dependen da experiencia, teñen que ser comprobados e por iso son continxentes.

Combinacións e Xuízos Científicos

Logo, Kant estableceu algunhas posibles combinacións entre estes tipos de xuízos:

  1. **Xuízos sintéticos a posteriori**: Aqueles que son extensivos pero que se fundamentan na experiencia e, polo tanto, teñen un carácter continxente.
  2. **Xuízos analíticos a priori**: Aqueles con validez universal que non proveñen da experiencia pero que, por esta mesma razón, non amplían o noso coñecemento.
  3. **Xuízos sintéticos a priori**: Por ser sintéticos, son extensivos, e por ser *a priori*, gozan de **validez universal**.

Para Kant, estes son os xuízos propios da **ciencia**.

As Tres Facultades Cognitivas e os Límites do Coñecemento

A gran obra que Kant lles dedica ao coñecemento e á ciencia é a *Crítica da razón pura*. Cando Kant fala de criticar a razón refírese á tarefa de analizar, criticamente, cales son a **natureza**, a **función** e os **límites da razón**. Só se sabemos como funciona a razón e ata onde pode chegar, poderemos establecer por que é posible a ciencia e como son posibles os xuízos sintéticos a priori. Kant analizou as facultades que interveñen no coñecemento por partes.

A Sensibilidade na Estética Trascendental

Na **Estética Trascendental**, Kant analiza a primeira facultade que intervén no proceso do coñecemento: a **sensibilidade**. Esta representa a capacidade de nos abrir ao mundo, é dicir, a **receptividade** necesaria para nos poder construír unha representación da realidade.

Todas as especies animais posúen esta capacidade, xa que todas constrúen dalgunha maneira unha representación do que as rodea. Sabemos que cada especie posúe un adaptador sensorial que lle permite percibir o mundo dunha forma particular. Así, por exemplo, as abellas e os humanos percibimos as papoulas de diferente cor, mais ningún dos dous pode captar como son en realidade as papoulas. Kant foi un dos primeiros en intuílo: a natureza e o funcionamento da sensibilidade que temos condiciónannos a ver o mundo dunha determinada maneira.

A sensibilidade é coma unha fiestra que nos abre ao mundo, pero que, ao mesmo tempo, nos condiciona a ver un pequeno fragmento del debido ás estruturas polas que está constituída. Para Kant, a forma na que estamos deseñados nos obriga a ordenar todo o que percibimos no **espazo** e no **tempo**. **Espazo** e **tempo** son as *formas a priori* da sensibilidade, porque son anteriores á experiencia e determinan a maneira en que a podemos ter. Calquera representación é unha **impresión** situada no espazo e no tempo.

Por iso podemos dicir que as **intuicións** do mundo son unha síntese do material sensorial e das estruturas internas do propio suxeito. Estas impresións estruturadas e ordenadas no espazo e tempo, para que proporcionen coñecemento, é preciso interpretalas e entendelas; esta é a función do **entendemento**.

O Entendemento na Analítica Trascendental

Na **Analítica Trascendental**, Kant analiza a segunda facultade cognitiva: o **entendemento**. Este caracterízase pola facultade de pensar ou realizar xuízos a partir das intuicións da sensibilidade. Faino mediante **conceptos**, e estes son os instrumentos necesarios para pensar a realidade. Segundo Kant, existen dous tipos de conceptos:

  1. **Conceptos empíricos**: proveñen da experiencia. Despois de observar e comparar, extráense as características comúns de diversos obxectos e fórmanse conceptos (como *casa*).
  2. **Categorías**: non proveñen da experiencia, senón que son estruturas *a priori* do entendemento. As **categorías** son creacións espontáneas do entendemento que servirán para agrupar e estruturar as intuicións da sensibilidade.

Kant deduce, partindo dos tipos de xuízo, **doce categorías**:

  • Totalidade, pluralidade, unidade.
  • Realidade, negación, limitación.
  • Substancia, causa, reciprocidade.
  • Posibilidade, existencia e necesidade.

Cada unha das doce categorías constitúe un concepto baleiro de contido, polo que necesita o material que proporciona a sensibilidade para encherse e proporcionar coñecemento. Só a conxunción das intuicións da sensibilidade e as categorías do entendemento permite entender o **fenómeno de coñecemento**.

A Razón na Dialéctica Trascendental

Na **Dialéctica Trascendental**, Kant analiza a terceira das facultades cognitivas: a **razón**. Unha vez que o entendemento subsumiu as impresións baixo conceptos e os asociou formando xuízos, a razón entra en escena. A razón é, segundo Kant, a facultade de razoar buscando **principios máis xerais**. Sen este labor da razón, o coñecemento sería fragmentario.

Esta tendencia está marcada polas *formas a priori* da razón: as **tres ideas transcendentais**:

  1. **Idea de Alma**: a razón subsume todos os fenómenos subxectivos procedentes da experiencia interna, unifícaos, dándolles identidade baixo esta idea de *Eu*.
  2. **Idea de Mundo**: trata os fenómenos da experiencia externa e considera que os fenómenos obxectivos proceden dun único e mesmo mundo.
  3. **Idea de Deus**: agrupa os contidos da experiencia externa e interna e é, por iso, o principio máis xeral en tanto que unifica os fenómenos do *Eu* e os do *Mundo*.

Existe un **uso correcto e útil** destas ideas cando as tratamos como **principios reguladores** que orientan a razón en busca de principios xerais. Neste sentido, a razón non constituiría unha facultade de coñecemento, pero facilitaría os éxitos neste terreo.

Sen embargo, existe un **uso fraudulento** que non contribúe ao avance do coñecemento. Este uso resulta de considerar o *Eu*, o *Mundo* e *Deus* como realidades obxectivas, é dicir, considerar que estas ideas teñen un referente na realidade.

O Límite da Razón: A Metafísica e o Nóumeno

A **teoría epistemolóxica de Kant** lévao a negar a posibilidade do coñecemento científico no ámbito da **metafísica**. A metafísica ocúpase das ideas transcendentais (*Deus*, a *Alma*…) coma se fosen ideas que teñen un elemento correlativo na realidade, é dicir, concíbeas como **realidades últimas** que lle dan sentido e finalidade a todo o que ocorre. Cando a metafísica fai este tratamento das ideas transcendentais cae en **contradicións**.

Kant ve nesta práctica a **ambición desmesurada da razón** que quere ir máis aló dos fenómenos e acceder á realidade en si ou **nóumeno**. O **nóumeno** é inaccesible para o ser humano, constitúe o **límite** daquilo que este pode coñecer, límite que a metafísica trata de superar en van. Por iso, por moito que a metafísica trate de traspasar as barreiras do coñecemento humano, para Kant nunca será unha **ciencia**.

Cuestións como a existencia de *Deus* ou a inmortalidade da *Alma*, endexamais poderán ser demostradas, xa que a **razón pura ou teórica** como fonte de coñecemento non pode resolvelas. Por iso, desde o ámbito do coñecemento, só se pode xustificar de forma coherente unha **posición agnóstica**.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *