Aristóteles e a herdanza dos presocráticos
O pensamento de Aristóteles está influenciado polos filósofos presocráticos, especialmente polas ideas de Parménides. Para os presocráticos, a principal preocupación era atopar a orixe do cosmos e as leis que rexen a realidade. Tanto para eles como para Aristóteles, o principal obxecto de estudo eran os seres naturais (physis), aínda que o filósofo do período ontolóxico desenvolverá tamén unha clara tendencia cara ao interese polos seres artificiais, que herda do seu mestre Platón.
O ser e o non-ser segundo Parménides e Aristóteles
Segundo Parménides, a realidade é estática. Distingue entre o ser e o non-ser, establecendo que o paso dun ao outro é imposible, porque se o ser pasase ao non-ser, deixaría de ser el mesmo, e polo tanto non poderiamos coñecelo.
Aristóteles herda esta distinción, pero diferenciando á súa vez entre:
- Non-ser relativo: aquilo que un non é pero ten posibilidades de chegar a ser.
- Non-ser absoluto: aquilo que é imposible de alcanzar a causa de determinados factores.
A influencia de Platón
Ademais do pensamento de Parménides e dos outros presocráticos, Aristóteles herda algunhas ideas de Platón, que, como xa se mencionou, foi o seu mestre durante máis de vinte anos:
- Admite a existencia da esencia, aínda que difire do seu mestre na idea de que esta está fóra das cousas.
- Adopta a teoría do dualismo antropolóxico de Platón (os seres humanos estamos formados de corpo e alma), pero rexeita a idea de que a alma é inmortal.
- Opóñse ao desprezo platónico polos sentidos: para el, o corpo non é unha molestia na busca do coñecemento.
A physis: a natureza como principio de movemento
O interese principal de Aristóteles, ao igual que o dos presocráticos do período cosmolóxico, é a physis (realidade natural), aínda que, polo seu contacto con Platón, acabará estudando tamén a metafísica, que trata do ser en xeral e non só do natural.
A natureza ou physis é, segundo Aristóteles, a esencia intrínseca dos seres e o principio do seu movemento. Os seres que posúen un principio de movemento son seres naturais.
O cambio e o movemento
O cambio é o movemento. Moverse é chegar a ser o que se pode ser e non se é aínda. Aristóteles distingue dous tipos de cambio:
- Cambio substancial: afecta á substancia mesma, en tanto que implica a súa aparición ou desaparición.
- Cambio accidental: non afecta á substancia, senón aos seus accidentes (propiedades).
Acto e potencia
Aristóteles distingue o acto e a potencia. O acto é o ser xa aquí e agora, mentres que a potencia (dynamis) é a posibilidade de producir (activa) ou sufrir (pasiva) un cambio.
Substancia, accidentes e esencia
Aristóteles diferencia entre a substancia e os accidentes. A substancia é o ser, a causa en si mesma, mentres que os accidentes son as súas propiedades. Ao mesmo tempo, define a esencia como «o que fai que as cousas sexan o que son» e que, polo tanto, é propio delas.
Da physis á metafísica: a teoría hilemórfica
Como xa se mencionou, o interese principal de Aristóteles é a physis, a natureza. Non obstante, durante os seus anos como discípulo de Platón ampliou os seus horizontes e empezou a interesarse non só polos seres naturais, senón tamén polos seres artificiais. Adéntrase así na metafísica e aplica algúns dos conceptos explicados anteriormente a esta disciplina.
Así, Aristóteles desenvolve a teoría hilemórfica, segundo a cal todos os seres están compostos por:
- Materia: a realidade da que está feita unha cousa.
- Forma: os trazos comúns que comparten todos os individuos dunha especie.
Os seres individuais son o que Aristóteles coñece como substancia primeira, mentres que a forma é o que chama substancia segunda. A forma é a esencia, o conxunto de trazos que identifican aos individuos dunha mesma especie.
Como a esencia é o que fai que as cousas sexan o que son, Aristóteles afirma que esta está nos propios seres, en contra do que pensa Platón, para quen a esencia das cousas sensibles (como copias das ideas) se atopa no mundo intelixible.
As catro causas
Para explicar os seres artificiais, Aristóteles distingue catro causas:
- Causa formal: o principio das propiedades específicas dun ser.
- Causa material: o substrato do que están feitas as cousas.
- Causa eficiente: o que pon en marcha un proceso para que algo chegue a ser o que é.
- Causa final: o obxectivo, o fin, de cada cambio ou movemento.
Para os seres naturais, non obstante, a clasificación destas causas é distinta, porque a physis é ao mesmo tempo a causa eficiente, formal e final dos seres naturais e, por outra banda, está a causa material.
O motor inmóbil
Aristóteles diferencia entre os seres móbiles (que cambian) e os seres inmóbiles (que non o fan). Non obstante, hai unha especie de ser intermedio que el chama «motor inmóbil», e que poderiamos identificar co demiurgo da teoría de Platón.
Este motor inmóbil exerce de organizador do mundo, que anteriormente era caótico. É a substancia que provoca o cambio no resto dos seres, pero que en si mesma non pode sufrir ningún tipo de transformación.
O cosmos aristotélico: mundo sublunar e mundo supralunar
A visión do cosmos na filosofía de Aristóteles é dualista, distinguindo dous tipos de mundos:
O mundo sublunar
O mundo sublunar é a rexión terrestre, o noso mundo. É un mundo onde os seres naturais nacen, sofren transformacións e, finalmente, perecen. Todos os corpos que forman parte desta rexión están formados por catro elementos (que Aristóteles chama materia primeira): o lume, o aire, a terra e a auga. Todos os movementos realízanse con vistas a un fin: o mantemento da orde do conxunto establecida polo motor inmóbil.
O mundo supralunar
O mundo supralunar abarca todo o que se atopa máis alá da Lúa (estrelas, planetas, o Sol…). Nesta rexión reinan a orde, a harmonía e a igualdade. Os corpos celestes están compostos de éter (o que sempre corre), unha materia transparente e imponderable. O universo é esférico e finito, e está formado por esferas que se atopan unhas dentro doutras (sendo a Terra o centro delas) e son movidas polo motor inmóbil.
Para Aristóteles, o mundo físico é perfecto, finito (significa que está incompleto), único e eterno.
Física e metafísica: ciencia ou teoloxía?
A física é unha ciencia que estuda o ser natural e busca explicar as causas e leis que orixinan e rexen a physis.
O problema xorde á hora de determinar se a metafísica é ciencia ou non. Aristóteles denominouna filosofía primeira e definiuna como a «ciencia que se busca», porque esta disciplina trata de atopar a causa primeira de todas as cousas. Pero, se esta causa é o motor inmóbil, que é un ser concreto que se sae da norma que rexe ao resto dos seres naturais, tal vez sería máis acertado dicir que a metafísica é unha ciencia que tamén se achega á teoloxía (estudo de algo concreto).
O motor inmóbil será máis tarde comparado co Creador co que o cristianismo explica a orixe do universo, aínda que as súas funcións non son exactamente as mesmas.
