Explorando a Realidade: Metafísica, Relixión, Traballo e a Beleza

A Realidade do Mundo Externo

As posturas que permiten situar a nosa relación coa realidade son:

  1. Realismo do sentido común: Hai un mundo real e exterior a nós que é captado polos sentidos e analizado pola ciencia.
  2. Escepticismo: Os sentidos non nos proporcionan unha imaxe fiable do mundo externo, polo tanto, é preciso dubidar dos datos que nos proporcionan os sentidos.
  3. Idealismo: Cando analizamos o mundo real, só contamos coas nosas ideas acerca dese mundo, polo tanto, só existe o universo da nosa mente e das nosas percepcións. O mundo só existe cando o percibo.
  4. Fenomenismo: O mundo real non é máis có conxunto de sensacións e percepcións que podemos ter del.

A Metafísica como Filosofía Clásica

Aristóteles advertiu que máis alá dos problemas que presentaba o estudo dos fenómenos naturais era necesario analizar os aspectos comúns de todo o real. Esta análise era o obxecto da filosofía primaria, que foi o primeiro nome do que hoxe chamamos metafísica. Segundo Aristóteles, é a forma suprema de coñecemento, e ocúpase do coñecemento das primeiras causas e principios dos seres particulares e de canto existe.

A Metafísica Clásica

Caracterízase por un elevado nivel de abstracción, pretendía describir o denominador común da realidade. Era un saber de tipo transcendental. O discurso metafísico é un discurso argumentador, é un saber racional, con argumentos que deben estar fundamentados. Está presidido por certos principios. Dous deles tiñan especial importancia:

  1. O principio de non contradición: afirma que é imposible que, ao mesmo tempo, un ser teña unha propiedade e non a teña.
  2. O principio do terceiro excluído: afirma que cando un obxecto posúe unha propiedade determinada, posúe esa e non outra.

A Actitude Metafísica e os seus Trazos

  1. É sempre un saber de principios: pretende analizar os primeiros principios da realidade, aqueles dos que se derivan todos os demais e que permiten comprender o que queremos dicir.
  2. Posúe un carácter radical: analiza a raíz da realidade e trata de encontrar o que constitúe o ser das cousas concretas.
  3. Ten unha pretensión de totalidade: pretende superar as diferenzas das cousas particulares. Quere analizar o conxunto da realidade para encontrar o seu sentido.
  4. Considera a realidade humana unha referencia fundamental: ao intentar comprender a realidade, o ser humano pretende encontrar o sentido da súa realidade e da súa existencia.

Grandes Sistemas Filosóficos e Interpretación da Realidade

  1. Platón: é dualista, pensa que existen dous tipos de realidade diferentes. Por un lado, a realidade material que nos mostran os sentidos, e que se encontra sometida ao cambio. Por outro lado, a realidade dos obxectos da razón e das matemáticas, que non cambian nunca. Segundo Platón, a verdadeira realidade encóntrase no mundo das ideas.
  2. Aristóteles: para el a realidade esencial é a substancia. Que algo posúa unha substancia supón dicir que algo ten unha natureza propia que é a causa do seu movemento e evolución. Isto implica a aceptación da realidade das cousas particulares que se encontran na experiencia sensible. Aristóteles introduce os conceptos de acto (o que é) e de potencia (o que pode chegar a ser). Distingue varios tipos de substancias e postula a existencia dunha substancia superior que é a referencia de todos os cambios e movementos, o motor inmóbil.
  3. O atomismo antigo: segundo os atomistas, o que é real componse de partículas materiais indivisibles chamadas átomos. Os átomos desprázanse e chocan entre eles, e o seu movemento réxese por unha lei cega.
  4. Tomé de Aquino: os principios esenciais son: a necesidade de postular a existencia dun Deus creador e a necesidade de combinar a fe cristiá e a razón de tal modo que poida ofrecerse unha explicación da realidade acorde coas esixencias da revelación cristiá. Aquino destaca a diferenza que existe entre Deus e as criaturas, para explicalo presenta a diferenza entre esencia e existencia: Todos os seres teñen esencia, pero non teñen por que existir, Deus é o único ser cuxa existencia é un trazo da súa propia esencia. Por iso, ten que existir necesariamente; Deus é o único ser necesario, todos os demais son continxentes.
  5. Hegel: destacan dous conceptos no seu sistema. A razón: é o valor supremo da realidade. Todo aquilo que sexa real, deberá ser tamén racional. O espírito: é a combinación dos aspectos obxectivos e subxectivos, particulares e universais, do ser humano.

A Crítica aos Grandes Sistemas

  1. Kant: pretendía analizar os límites da razón e estudar cales son as bases dun coñecemento racional fundamentado. Para iso, afirmaba que todo coñecemento debe ser unha combinación dos datos da experiencia e do entendemento. O seu traballo, destronou as pretensiosas ambicións da razón teórica.
  2. Marx: pensaba que a realidade fundamental é a materia. Os presupostos esenciais da súa crítica son tres: Só existe a materia; esta transfórmase mediante o traballo humano e as relacións humanas teñen unha evolución histórica determinada.
  3. Nietzsche: Considera que a historia da metafísica é, en realidade, a historia dun inmenso error que supón infravalorar a vida e os sentidos. A aceptación da vida implica o xurdimento dun novo tipo de suxeito humano, o superhome.
  4. O positivismo: a teoría de Comte di que a metafísica non é válida porque non parte da observación dos feitos positivos. Os neopositivistas, dicían que o modo adecuado de facer filosofía é propoñendo afirmacións que poidan someterse ao principio de verificación empírica.

A Relixión

Responde aos últimos problemas da realidade e da existencia. Establece unha comunicación co ser humano e explica os misterios da súa existencia. Une e comparten as mesmas crenzas relixiosas e inflúe nas formas de organización social.

O Sagrado e o Feito Relixioso

Os trazos comúns do feito relixioso son:

  1. O recoñecemento dun ámbito que transcende a vida humana.
  2. Este ámbito transcendente é sagrado.
  3. O sagrado inspira medo polo seu poder e é un misterio fascinante que inspira admiración.
  4. O sagrado exprésase en símbolos e en manifestacións misteriosas.

Deus e o Mundo

  1. O concepto de Deus: é considerado un ser autosuficiente que existe eternamente por si mesmo. É o ser supremo e representa a máxima perfección.
  2. A proba da existencia de Deus:
    • Argumento ontolóxico: posto que Deus é o ser perfecto, non pode non existir, pois sería unha imperfección.
    • Argumento cosmolóxico: é necesario que exista unha causa última do cosmos ou universo.
    • Argumento da finalidade: dúas posturas:
      • A creación: recoñece a Deus como creador dun mundo que ten leis propias. Pero unha vez creado, o universo segue as súas propias leis, sen que Deus interveña nel.
      • A providencia: mantén que, tras a creación, Deus exerce un labor providencial sobre o mundo.

Os Trazos do Traballo Humano

Chamamos labor a unha actividade orientada á obtención de bens de consumo inmediato. O traballo é a actividade dirixida a producir cousas artificiais e útiles de carácter máis duradeiro, caracterízase por:

  1. É unha violencia exercida sobre a natureza.
  2. O traballo réxese por un modelo que guía a fabricación, precede ao proceso de traballo e perdura tras el.
  3. Converte ao ser humano en deseñador e inventor dun mundo de útiles e instrumentos.
  4. O traballador percibe unha remuneración por un tempo limitado e predefinido de traballo.

A Filosofía da Técnica

É unha reflexión sobre os sistemas técnicos e os seus efectos na sociedade. Pregúntase acerca da natureza, do valor e das consecuencias sociais do fenómeno tecnolóxico. Ortega y Gasset considera que o ser humano ten que crearse a si mesmo. O ser humano é proxecto, e é a técnica a que o axuda a crealo. Segundo el, a técnica do técnico, a tecnoloxía anula ao ser humano porque o escraviza ou o fai dependente del. Para Heiddegger, a técnica é unha forma de verdade, de desvelamento do ser. A tecnoloxía converteuse en instrumento de dominación.

A Beleza

A intuición da beleza é aquela que nos permite captar o belo no mundo. O estético parece encontrarse na capacidade de atrapar a nosa subxectividade. Cada persoa privilexiou uns praceres máis ca outros porque a experiencia estética é sempre unha experiencia construída. Sinálanse tres trazos na vivencia do belo: asombro e contemplación, pracer desinteresado e intensidade e brevidade. A vivencia estética está marcada pola brevidade e a precariedade, aínda que pode derivar nun sentimento estético máis difuso e duradeiro.

O primeiro que hai que resolver é se a beleza é unha realidade en si e por si mesma, existen dúas posicións que responden a esto:

  • O obxectivismo, di que a beleza é a harmonía constitutiva das cousas.
  • O subxectivismo que a beleza está nos seres humanos, esta é a posición dominante desde o s. XVIII ata a actualidade.

A distinción entre o belo e o sublime alcanza con Kant un valor filosófico moi destacado, di que o belo é unha realidade aprehensible e que o sublime impresiona ao ser humano que o engrandece e o dignifica. O sentimento do belo rompe ás veces pola presenza de fealdade, que é a súa antítese. Na actualidade, o feo concíbese como denuncia dun mundo brutal e como posibilidade dunha beleza distinta.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *